UN DÍA NA VIDA DUN ADOLESCENTE
Onde a morte pode atopar o seu remate
Onde a morte pode atopar o seu remate
www. galicia-hoxe. com
16.03.2008
O profesor de filosofía Marcial Izquierdo saca do prelo ‘El último día de mi vida’, unha novela xuvenil na que reflexiona sobre a felicidade, a amizade, o amor, o destino (simbolizado nun tren que vai na busca do protagonista) e a morte a través dunha narración en primeira persoa que nos fará cavilar sobre o noso ser máis íntimo
TEXTO: MIGUEL SEOANE
Presentamos hoxe unha novela dun profesor de filosofía, Marcial Izquierdo, que ten como protagonista a Miguel, un estudante que nos narra o que lle acontece nun día da súa vida, desde a mañanciña ata a noite, e que nos anuncia, a cada pouco, que será o derradeiro.
O protagonista adolescente contaranos en persoa as vivencias dun día normal do curso, as clases de diferentes profesores, a relación cos amigos, as aspiracións amorosas e o botellón do venres pola noite. Con este argumento, o libro non podía levar outro título có de El último día de mi vida. Ademais o seu argumento casa moi ben co autor, xa que Izquierdo é catedrático de Filosofía nun Instituto de Burgos e sabe por experiencia propia o complicado que lle resulta facer entender conceptos filosóficos nas súas aulas. Para facilitar o seu labor, escribiu esta novela xuvenil, que ten como cerna precisamente o máis íntimo da filosofía, unha reflexión sobre a felicidade, a amizade, o amor, o destino (simbolizado nun tren a toda velocidade que vai na busca do protagonista) e a morte.
Ó longo de toda a narración, vai fiando as incidencias da súa experiencia nas aulas con abundantes referencias a Platón, a Manrique, a Antonio Machado ou mesmo a Estopa e a Melendi. Todo isto contado nunha redacción en primeira persoa, o que fai que a temperatura emocional sexa moito máis alta.
O autor inspirouse nun suceso real para achegarlles ós mozos o chamamento de que deben vivir con prudencia a adolescencia para saíren indemnes dela.Dende a primeira liña, a novela abraia pola súa linguaxe directa, ó comezar deste xeito:
“Hoxe é o derradeiro día de vida. Un tren de mercadorías que transporta hidróxeno líquido, bobina de cobre e madeira de piñeiro saíu xa da estación de Chamartín. Viaxa cara a San Sebastián e Irún. Cando chegue a Burgos, contra as 19.45, atoparame fronte a el. Estarei morto, sen remedio, nun intre”.
Un estilo áxil, directo pero non por iso menos ameno, o que lle vale ó autor para reflexionar sobre a vida dende un punto de vista filosófico. Parte, ademais, dun feito real: o impacto que deixou en Izquierdo un suceso que leu nun xornal, no que unha adolescente morrera tras levala por diante un ferrocarril, durante unha fin de semana de botellón e de borracheira. O que máis lle abraiou non foi o feito en si, senón que sabía que non era un caso illado.
Pero, como en calquera novela, non todo é o que parece nun principio e o lector atopará abundantes sorpresas nun libro que non é moi longo, apenas un cento de páxinas, no que logra engancharnos e, ó mesmo tempo, facernos reflexionar. Para logralo, púxose na súa mente cando era adolescente e na novela que lle gustaría ler nesa idade.No entando, a pesar de dirixirse a un público mozo, a novela está escrita cunha sobriedade e cunha emoción irresistibles e lese con verdadeira avidez.
O texto seguro que vai apaixonar os mozos porque, con naturalidade e eficacia, expón asuntos moi importantes: non só a fraxilidade da vida, senón tamén a necesidade de que sexamos conscientes e responsables dos nosos actos. Na novela de Izquierdo hai ecos dos temas eternos da literatura: a cita co destino (simbolizado, como dixen, polo tren que avanza imparable), o sentido do sacrificio e da morte, o poder da amizade e a forza do amor. En fin, unha lectura conmovedora para reflexionar e enriquecer a súa experiencia da vida.